Festivais
Nigranjazz
O Nigranjazz é un dos encontros musicais máis recoñecidos do verán galego, celebrado cada xullo no concello de Nigrán, nunha contorna natural privilexiada que combina música e paisaxe á perfección. O festival destaca polo seu formato íntimo e pola calidade das súas propostas, reunindo artistas de jazz de prestixio nacional e internacional, así como novas figuras emerxentes.
Ao longo das edicións pasaron polo seu escenario recoñecidos músicos da escena internacional xunto a destacadas figuras do jazz galego, que contribuíron a definir a identidade sonora do festival. Entre moitos outros, Peter Bernstein, Kurt Rosenwinkel, Aaron Parks, Jorge Rossy, Chris Cheek, Jesse Van Ruller, Gilad Hekselman, Steve Cardenas, Perico Sambeat, Yago Vázquez, Xan Campos, Virxilio Da Silva, Abe Rábade, Telmo Fernández ou o grupo Sumrrá.
O público pode gozar dos concertos ao aire libre, nun ambiente relaxado e familiar, onde o ritmo da música se mestura co son do mar e o solpor da ría de Vigo. Ademais dos concertos principais, o festival adoita incluír actividades paralelas como obradoiros, sesións de improvisación e actuacións abertas, fomentando o contacto directo entre músicos e asistentes.
O proxecto está dirixido artisticamente polo guitarrista galego Felipe Villar, quen ao longo dos anos consolidou unha programación de gran nivel artístico, mantendo o espírito próximo e coidado que caracteriza o festival.
É, sen dúbida, unha cita imprescindible para quen quere descubrir o jazz nun contexto único e cheo de encanto.


O Fechiño. Festival Rupestre de Proximidade


Zona de Zanfona
A ZdZ, Zona da Zanfona, é un lugar de encontro arredor deste instrumento milenario. Ademais de celebrar anualmente o Festival Internacional Zona da Zanfona, organiza puntualmente cursos e actividades asociadas ao ZdZ desde 2005, que promociona desde a súa web zanfona.folque.com.
A Zona da Zanfona é un proxecto de promoción e divulgación sobre o senlleiro instrumento, que proxecta Galiza no mapa internacional e axuda á dinamización da aprendizaxe para as novas xeracións de tocador@s. Organizado por aCentral Folque, é o festival da manivela musical, da revolución silenciosa e mecánica do arco infinito. Combina programación de actividades para o público xeral e especializado. Músicos amadores e profesionais, mais tamén audiencias en xeral, gozan da escoita deste fabuloso instrumento. Desde 2024, a súa nova sede está no concello de Arzúa, Galiza.
A Zona da Zanfona é máis que un festival de concertos. Susténtase nunha comunidade especializada, un grupo de interese na cultura material e patrimonio inmaterial asociado que axudamos a vertebrar, que medra paseniño e que acompaña desde o primeiro Encontro de Zanfona Contemporánea, cando así se chamaba o festival en 2005. Naceu con vontade de aglutinar a tocadores amadores e profesionais, e ofrecer concertos en auditorio ao público xeral.


TradFest
O TradFest Compostela é unha celebración da música popular actual con concertos, bailes, feira de artesanía e ruadas durante un día dentro das festas do Apóstolo de Santiago, no último domingo de cada mes de xullo. Localizado en varios puntos da cidade, fundamentalmente sitúase no parque e igrexa de san Domingos de Bonaval e nas prazas de Mazarelos e da Quintana. É un evento organizado por aCentral Folque e Nordesía producións, promovido polo concello de Santiago de Compostela.
O TradFest nace coa vontade de reunir un público numeroso nas rúas da cidade arredor do baile e a música tradicional e folque para chegar a unha audiencia variada, interxeracional, local e visitante e formar parte do crecemento exponencial que é a música e o baile trad, ofrecendo unha programación artística galega e internacional de calidade, inclusiva e participativa.
Este festival de entrada libre pivota sobre o concepto do baile espontáneo e participativo e a música ao vivo, liña fundamental da programación.

